5 de outubro de 2026

Torneos de outono 2026

Chega o outono e con el unha das tempadas máis intensas para o xadrez na Coruña e arredores. Ao longo de outubro e nos primeiros días de novembro hai citas para todos os gustos: torneos presenciais e online, partidas lóstrego e rápidas, competición universitaria e por equipos. Aquí tedes o calendario completo, ordenado por datas.

Torneos de xadrez de outono 2026

XXXII Torneos Virxe do Rosario · A Coruña · 7 de outubro

O Club Ludo organiza os XXXII Torneos Virxe do Rosario, que se celebran o mércores 7 de outubro no Colexio Santo Domingo - FESD (Praza de Santo Domingo, A Coruña). Pola mañá xógase a modalidade lóstrego: suízo a 7 roldas con ritmo de 5'+2'' (inscrición ás 10:30 h e comezo ás 10:45 h). Pola tarde chega a modalidade de rápidas: suízo a 6 roldas con ritmo de 10'+3'' (inscrición de 16:00 a 16:20 h e comezo ás 16:30 h). A inscrición é gratuíta e aberta, cun máximo de 32 xogadores por modalidade. Haberá trofeos para os tres primeiros e para o mellor xogador escolar, trofeos por categorías de idade nas rápidas e medalla para todos os participantes.

Máis información sobre os XXXII Torneos Virxe do Rosario

XXXVII Torneo Universitario · A Coruña · 9, 16 e 23 de outubro

O CIDU e INCUDE organizan unha nova edición do Torneo Universitario, que se disputa durante tres venres no local de xadrez do CC Los Rosales. Será un suízo a 6 roldas (dúas por xornada) con ritmo de 25'+10'', válido para ELO. As partidas comezan ás 18:00 h (o primeiro día hai presentación ás 17:45 h). Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados e para o mellor estudante da UDC.

Máis información sobre o XXXVII Torneo Universitario

Torneo Virxe do Rosario Online · Lichess · 12 de outubro

Para celebrar as festas da patroa da Coruña, AGAX organiza o luns 12 de outubro ás 20:00 h un torneo arena dunha hora en Lichess, con ritmo blitz de 3'+2''. Para participar é imprescindible ser membro do equipo AGAX Aberto en Lichess. Conta co patrocinio do Concello da Coruña.

Máis información sobre o Torneo Virxe do Rosario Online

VII Liga de Equipos Xadrez das Mariñas · 17 de outubro

O sábado 17 de outubro, ás 17:00 h, arrinca a VII Liga de Equipos Xadrez das Mariñas, organizada por AGAX en colaboración co Clube Xadrez das Mariñas e co patrocinio da Deputación da Coruña. Reunirá 16 equipos da zona das Mariñas —A Coruña, Culleredo, Betanzos e Cambre, entre outros— nun encontro interxeracional con máis de 64 xogadores de todas as categorías.

Máis información sobre a VII Liga de Equipos Xadrez das Mariñas

Gran torneo para todos os niveis · CC Los Rosales · 24 de outubro

O sábado 24 de outubro está programado un gran torneo no Centro Comercial Los Rosales, pensado para xogadores de todos os niveis. En breve publicaremos as bases, os horarios e a forma de inscrición. Estade atentos!

Copa AGAX Online 2026 · Lichess · 1 de novembro

Como antesala da Copa AGAX presencial, o domingo 1 de novembro ás 20:00 h celebrarase en Lichess o Torneo Online Copa AGAX 2026, con ritmo de 3'+2''. A participación é gratuíta e aberta a todos os membros do equipo AGAX Aberto. Conta co apoio do Concello da Coruña.

Máis información sobre a Copa AGAX Online 2026

Copa AGAX e Torneo Tódolos Santos · CC Los Rosales · 2 de novembro

O luns 2 de novembro, na planta 1 do Centro Comercial Los Rosales, AGAX organiza dúas competicións simultáneas. A Copa AGAX xógase por eliminatoria en formato Armageddon (brancas 5 minutos, negras 4 minutos; en caso de táboas avanza o xogador con negras). O Torneo Tódolos Santos é un suízo a 5 roldas con ritmo de 10'+2''. A actividade desenvólvese de 17:30 a 20:45 h, coas finais e a entrega de premios ao remate. A inscrición é gratuíta, non require licenza federativa e está limitada a 32 xogadores por orde de inscrición. Haberá trofeos para o campión e o subcampión da Copa AGAX e para os tres primeiros do Tódolos Santos.

Máis información sobre a Copa AGAX e o Torneo Tódolos Santos

Un outono cheo de xadrez para todas as idades e niveis. Animádevos a participar e a compartir o calendario!


Organiza: AGAX — Asociación Galega de Xadrecistas
Máis información: agax.org

Ningún comentario: