Novembro chega cargado de xadrez. Na primeira quincena do mes temos citas para todos: un torneo online para quentar motores, a tradicional Copa AGAX e o Torneo Tódolos Santos, un gran encontro escolar e o xadrez lóstrego no museo da ciencia. Aquí tedes o calendario, ordenado por datas.
O 1 de novembro celebramos o Día de Tódolos Santos, unha festividade para lembrar a quen xa non está connosco. Tamén no xadrez temos presentes a tantos amigos, compañeiros, mestres e rivais que compartiron taboleiro con nós e que seguen vivos en cada partida que xogamos. Estes torneos son tamén unha homenaxe a eles.
Torneo Online Copa AGAX · Lichess · 1 de novembro
O aperitivo perfecto para a Copa AGAX presencial: o domingo 1 de novembro ás 20:00 h (hora peninsular) xógase en Lichess o Torneo Online Copa AGAX, con ritmo de 3'+2''. A participación é gratuíta e aberta a todos os membros do equipo AGAX Aberto en Lichess. Conta co patrocinio do Concello da Coruña.
Inscrición no torneo en Lichess | Máis información sobre a Copa AGAX Online 2026
Copa AGAX e Torneo Tódolos Santos · CC Los Rosales · 2 de novembro
O luns 2 de novembro, na planta 1 do Centro Comercial Los Rosales (A Coruña), AGAX organiza dous torneos en paralelo:
- Copa AGAX: cadro de eliminatorias sen eliminados (todos xogan ata o final e sae a clasificación completa) a 5 roldas, en formato Armageddon: brancas 5 minutos, negras 4 minutos; en caso de táboas gañan as negras.
- Torneo Tódolos Santos: suízo a 5 roldas con ritmo de 10'+2''.
A presentación e o sorteo son ás 17:30 h e a entrega de trofeos ás 20:45 h. A inscrición é gratuíta, non require licenza federativa e está limitada a 32 xogadores por orde de inscrición. Haberá trofeos para os tres primeiros e o primeiro sub-10 da Copa AGAX, e para os tres primeiros do Tódolos Santos. Actividade coa axuda do Concello da Coruña.
Formulario de inscrición | Máis información sobre a Copa AGAX e o Torneo Tódolos Santos
V Torneo Escolar ERLAC · Cidade das TIC · 7 de novembro
O sábado 7 de novembro, a Cidade das TIC (Avda. de Pedralonga, A Coruña) acolle o V Torneo Escolar ERLAC, 13.º torneo do XIX Circuito Galego de Xadrez de Promoción 2026. Organiza a Escola de Xadrez ERLAC, coa colaboración da Fundación Escola de Relacións Laborais da Coruña e da Federación Galega de Xadrez. Xógase nas categorías sub-8, sub-10, sub-12 e sub-14, por sistema suízo a 7 roldas con ritmo de 10'+5''. A presentación é ás 10:45 h e a clausura ás 19:00 h. É necesario estar federado e hai un máximo de 200 prazas. A inscrición faise por correo electrónico a torneos@xadrezerlac.com ata as 23:00 h do 5 de novembro. Haberá trofeos para os cinco primeiros e o primeiro xogador local de cada categoría, agasallos para todos e sorteo de premios entre os participantes.
Máis información sobre o V Torneo Escolar ERLAC
Xadrez no MUNCYT · A Coruña · 14 de novembro
Dentro da Semana da Ciencia, INCUDE e o CIDU organizan a terceira edición de Xadrez no MUNCYT, o sábado 14 de novembro no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña. Será un torneo lóstrego a 5 roldas con ritmo de 3'+2''. A presentación é ás 16:15 h, a primeira rolda ás 16:30 h e a entrega de premios ás 18:20 h. A inscrición é gratuíta, limitada a 32 xogadores e só a través do formulario. É necesario ter licenza federativa (por obriga legal do seguro de accidentes) e o torneo non é válido para ELO FIDE. Haberá trofeos para os tres primeiros e medalla para todos os participantes. Conta co apoio da Deputación da Coruña.
Formulario de inscrición | Máis información sobre Xadrez no MUNCYT
Unha quincena chea de xadrez para todas as idades e niveis. Animádevos a participar e a compartir o calendario!
Organiza: AGAX — Asociación Galega de Xadrecistas
Máis información: agax.org
